9 oct 2012

Insomne

                     Tic... tac.... tic....tac.... Tan soa como ese pequeno reloxo, que fala consigo mesmo para entreterse mentres o resto dormen.... De cando en cando, mira para min de reollo, só para asegurarse de que non me vou a dirixir a el. Non me considera unha boa compañeira de charla nocturna. E supoño que non podo culpalo.
                     A verdade é que son bastante aburrida. Nin sequera sei contestar ás preguntas máis sinxelas para romper o xeo, como a de "por qué ti non durmes?", ou a de "que tal o día?". Supoño que un simple "ben", ou un "non me apetece" sería máis cómodo que rebuscar no meu interior... Pero tamén menos sincero. Eu eu nunca lle minto á lúa. Xa facía tempo que non falamos, pero cando cadramos, gústame pensar que nada cambiou, que ela sigue pensando en min algunha que outra noite, preguntándose que será da miña vida. Gústame pensar que sorrí pensando nas horas que pasamos xuntas, mirándonos a unha á outra, chorando e rindo sen ter moi claro o por qué... Simplemente, deixándose levar como se ambas fóramos nubes nunha noite ventosa.
                     Supoño que simplemente, sería mellor que durmise un pouco. Estou segura de que o meu pequeno reloxo mo agradecería: non deixa de afirmar que os meus desvaríos van a peor con cada noite que paso esperta. Sí, será o mellor...
                     Só espero que a lúa pense esta noite en min, que mire cara abaixo e se pregunte se estou durmindo. Ese pensamento sempre me tranquilizou. Gústame crer que alguén se lembra de min, e que non son só unha nube á que o vento levou fora da súa vista. Supoño é algo que me fai sentir menos soa. Pero claro, non son máis que tonterías. Despois de todo, só son unha rapaza que fala co seu reloxo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario