14 dic 2012

Sobre meditacións

            Hoxe meditei sobre demasiadas cousas; tantas, que se agolpan na miña cabeza, intentado saír todas á vez. E así, acaban por carecer de coherencia.
           Meditei sobre os cambios. Sobre como amiúdo estamos seguros de non querer o que temos, pero non ter moi claro tampouco o que si queremos. De como amiúdo nos lanzamos cara algo novo, cara algo descoñecido, simplemente por fuxir, atrapándonos a nós mesmos noutra situación que non resolve nada, non sendo o que queremos. Nunca nos paramos a pensar o que queremos e, cando o facemos, estamos pouco afeitos a facelo, e a confusión impregna as nosas ideas.
           Meditei sobre a choiva. Hoxe chove, coma sempre. Un temporal forte azotou o noso camiño de volta. As árbores da alameda de Santiago axitábanse cun son case infernal sobre as nosas cabezas, facéndome sentir pequena, insignificante.. preparada para o que o mundo decida facer co meu camño, preparada para afrontalo, para loitar e sobrevivir, aínda que unha árbore me caia enriba. Ese son, este vento... faime sentir viva, forte, impaciente por vivir eso que non sei que é pero que teño claro que aínda non chegou.
           E meditei sobre o agora; o presente, ese pequeno e perfecto agasallo. Sobre as cousas que sinto impulso de facer pero que creo non poder. Sobre as cousas que traen máis prexuízos que alegrías, pero que, aínda sabéndoo así, fan morrer unha pequena parte de min cada vez que mas nego. Sobre como eso me vai "podando", transformando. Sobre a persoa que son, a persoa que fun e a persoa que me convertirei. Sobre a persoa que quero ser.

No hay comentarios:

Publicar un comentario