31 jul 2012

Estrelas fugaces


Gústame mirar estrelas fugaces. Tirarte na area da praia, expectante.
A maioría do tempo pásasto así, simplemente esperando a que algo pase, mirando o ceo. Sabes que non debes apartar os teus ollos nin un instante, ou perderaste algo. Permaneces totalmente atenta, simplemente esperando.
E entón, cando xa dubidas que algo vaia a pasar... vela.
Parece só un reflexo, nos límites da túa visión. Dirixes rapidamente a vista cara alí, pero xa non queda nada por ver.
Foi tan rápida... nin sequera estas segura de tela visto.
Miras atentamente... e de novo.
Noutro dos estremos do teu campo visual. Esta vez sí estás segura... verdade? Quero dicir, non estabas mirando, cara alí, pero... Outra. Xusto, onde mirabas... ou foi só unha mala xogada dun pestanexo rápido? Alí arriba! Agora! Ou era só o teu propio pelo?
E aquílo...? Non, esa non foi unha estrela.

Mórdeste os beizos, e sigues agardando.
Dubidas.
Xiras a cabeza unha e outra vez.
E segues esperando,
cada vez máis esixente,
cada vez máis impaciente...
pero segues,
sentada,
disposta a atopala.
Malia que a luz da lúa te cegue, e o frío te consuma.
Esperas
e esperas...

E...
alí.

Non pasou exactamente onde estabas mirando, pero non importa.
Algunhas estrelas brillan demasiado para que sexa posible confundilas con outra cousa.
Demasiado para poder negalas.
Pechas os ollos, intentando conservar ese fulgor. Pero non sirve. O fulgor xa non está, pero...
o teu sorriso sigue ahí, mantendo vivo o seu recordo.
Un que non se apagará,
un que volverá cada vez que mires ó ceo.
E nunca, ningunha estrela, lle fará sombra a ese fulgor, que acendeu o teu corazón, que te deixou sen respiración...
... ou si?
Pide un desexo.



No hay comentarios:

Publicar un comentario